A Estrada Inclusiva

En nome do grupo da Universidade de Vigo que está traballando na mellora dos centros educativos de A Estrada, quero darvos a benvida a esta biblioteca tan especial do CEIP do Foxo. Un espazo no que tivemos a enorme fortuna de participar no seu plantexamento e deseño, xunto con todos os membros da comunidade educativa: nenos, mestres, familias e axentes locais.

 Nun momento de grandes transformacións como as que estamos a experimentar, cómpre atopar modelos de traballo que xurdan dende as propias necesidades das escolas e de todos os seus membros. Precisamente esta é a liña que o proxecto de investigación “A Estrada Inclusiva” ven empregando dende a súa orixe, a construcción dun plan de educación inclusiva local a través do establecemento progresivo de redes educativas e sociais nas que converxen os distintos membros da comunidade.

Sen dúbida esta biblioteca é un proxecto con vocación comunitaria. Porque persegue o desenvolvemento dunha cultura de participación plena nas relacións entre escola e comunidade. Cómpre dicir chegados a este punto que non buscabamos logros, senón camiños; non estabamos interesados tanto nos resultados (asumimos que poden ser insuficientes ou incompletos) como nos procesos. Isto requeríu unha mirada dende dentro da escola, e así emprendimos entre todos unha investigación participativa que nos permitíu mellorar a biblioteca existente, ao tempo que melloramos a escola e a comunidade en xeral. Gustaríame salientar o enorme esforzo de reflexión continuada que este proceso supuxo, agotador ás veces pero sempre ilusionante.

Estamos firmemente convencidos de que é imprescindible e urxente contribuir á consolidación e excelencia das bibliotecas escolares, como unha das mellores garantías de calidade dun sistema educativo inclusivo. Temos que conseguir máis bibliotecas coma esta: ao servizo da escola e da comunidade local no seu conxunto; nutrida coas aportacións de toda a comunidade; unha biblioteca permanentemente actualizada, con horarios amplios e flexibles, asentada en espazos idóneos e expandida por diversos recunchos do centro; e cunha ampla e moderna carta de servizos, capaces tamén de recoller as múltiples variables dunha contorna que, coma A Estrada, é viva, estimulante e se transforma día a día.

Finalmente, confiamos en que ferramentas deste tipo potencien o intercambio de boas prácticas entre os centros. A web 3.0 ofrécenos un camiño integrador dos esforzos de todos os axentes da comunidade educativa. Estou convencida de que nesta biblioteca atoparemos respostas ao desafío que se nos presenta cada día para impulsar o papel da escola como bastión da sociedade da información e do coñecemento.

Ángeles Parrilla Latas 

Directora de A Estrada Inclusiva

Universidade de Vigo