Saúdo de Xosé Neira Vilas

Xosé Neira VilasSíntome de veras moi unido a ese colexio, pola defensa da lingua galega, polos métodos educativos que se empregan, polas múltiples actividades culturais que aí se levan a cabo… E no plano persoal por todas as atencións que tedes comigo dende hai tempo.

Agora, un xesto máis: sorprendédesme moi gratamente co acordo de lle poñer o meu nome á biblioteca escolar do centro.

Esta decisión do claustro hónrame certamente e veño expresarvos a miña gratitude máis fervorosa por esta decisión.

Dende agora sentireime aínda máis preto e máis unido ao CEIP do Foxo. Contade sempre comigo para calquera colaboración.

Por tantas e tantas cousas, por tantas e tantas novidosas iniciativas que vindes levando a cabo, e que son dignas de ser imitadas por centros similares, vaia a miña máis sincera e sentida felicitación ao Claustro.

A todas e a todos, e tamén ás nenas e aos nenos.

Unha aperta fraterna e cordial, un bico multiplicado.

Xosé Neira Vilas

logo-fundacion-xose neira vilas